TODO

Arquitectura relixiosa

MUÍÑOS DE ARDELEIRO

Os numerosos muíños de auga salpicados ao longo da xeografía galega dan conta da gran cantidade de ríos e cursos fluviais desta terra. O uso destes muíños repartíase normalmente en horas de moenda entre os veciños ou comuneiros. A forza da auga era a fonte de enerxía que cumpría para poñer en marcha a pesada maquinaria pétrea que formaba o muíño e que permitía converter os grans de millo e trigo en prezada fariña. Normalmente asociámolos ás marxes de caudalosos ríos insertos no corazón dos bosques; no entanto, neste caso ofrecen unha disposición peculiar e pouco común, xa que o conxunto dos cinco muíños de Ardeleiro se atopa sobre unha zona fragosa ante o océano, aproveitando as augas do Rego dos Muíños. 

PETRÓGLIFO AS LAXIÑAS

Forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. O mellor momento para aprecialo é á atardecida, coa luz rasante do solpor. Estamos ante un conxunto de gravados que combinan círculos concéntricos e cazoletas, asociados por algúns autores á representación do cosmos, á auga ou ao propio Sol. Ademais destes elementos, podemos identificar figuras que parecen representar armas.

A PEDRA MOURA

O dolmen de Pedra Moura sitúase na localidade de Aldemunde. Está datado entre o 3500 e o 2700 a. C., na época de apoxeo da cultura megalítica. Arredor da súa orixe existe unha lenda que conta que as laxas que compoñen o túmulo foron traídas dende o petón de Calvelo aos ombreiros dunha «moura», que á vez aleitaba un bebé e fiaba nunha roca. O nome que recibe este monumento funerario ten que ver con esta lenda, moi común dentro da tradición popular galega. Moi preto do dolmen existe un espazo natural de gran valor chamado Ribeira da Pena, un dos bosques autóctonos máis importantes da Costa da Morte.  

MIRADOIRO DE LOUREDO

A paisaxe espectacular que se pode enxergar dende este miradoiro, entre San Mamede e As Paxareiras, abarca as parroquias de Lira, Carnota, as marismas de Caldebarcos e o cabo Fisterra. Dende aquí pódense contemplar fermosos solpores sobre o océano. O miradoiro acolle un conxunto escultórico realizado por Nando Lestón e composto por varias árbores queimadas que recibiron unha segunda vida grazas a esta intervención que as converteu en pezas de arte.

TORRE DOS MOUROS

Forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. Situada no alto dun outeiro na parroquia de Lira, dende a súa cima podemos gozar dunha impresionante panorámica de 360 graos que abrangue dende o monte Louro ata o cabo Fisterra. A orixe desta fortificación sitúase entre a Antigüidade tardía e a Alta Idade Media. Conta cun sistema de dobre muralla, dous recintos internos e unha entrada orientada cara ao porto de Lira. Nos seus inicios tivo unha función protectora e, co paso do tempo,  déuselle un uso agrogandeiro. Durante o século XX volveu ser utilizada como refuxio para os perseguidos durante a Guerra Civil.

CASTRO DE MALLOU

Forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. A datación histórica deste castro sitúao entre os séculos VI a. C. e I d. C. A súa estrutura é oval e presenta dúas murallas separadas entre si, reforzadas por unha terceira na fachada sur. Ao longo do tempo son moitos os mitos e lendas de que está envolto. A de máis sona conta que este castro foi residencia da Raíña Lupa e, como proba diso, no centro atópase o seu trono: unha pedra con feitura de asento.

PETRÓGLIFO REGO LAMOSO

Forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. O mellor momento para aprecialo é á atardecida, coa luz rasante do solpor. Co mar aberto no horizonte, o petróglifo de Rego Lamoso presenta armas, cazoletas, cadrados e círculos concéntricos. Estes gravados, igual que os demais petróglifos que forman parte deste museo, atópanse nun lugar privilexiado para a observación da paisaxe.

PETRÓGLIFO PROUSOS MAGOS

Forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. O mellor momento para aprecialo é á atardecida, coa luz rasante do solpor. Ocupa dúas pedras gravadas con múltiples conxuntos de cazoletas de distintos tamaños. Aprécianse, ademais, combinacións circulares, paletas, antropomorfos e cruces.

PETRÓGLIFO LAXE ESCRITA

Forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. O mellor momento para aprecialo é á atardecida, coa luz rasante do solpor. Esta gran pedra constitúe un lenzo no cal se estenden gravados de distintas épocas: cazoletas e círculos concéntricos prehistóricos, cruces de época medieval e embarcacións de datación indeterminada.

PETRÓGLIFO O FILLADUIRO

Este petróglifo forma parte do Museo Arqueolóxico Aberto de Carnota. O mellor momento para aprecialo é á atardecida, coa luz rasante do solpor. Parece representar a figura dunha muller cun neno no colo. Aínda que o seu significado é aínda hoxe un enigma, a hipótese máis evocadora apunta á representación da figura dunha deusa nai á cal irían asociados numerosos ritos de fertilidade.

CASA MAN

O artista alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man, «o alemán de Camelle», trasladouse a vivir á localidade de Camariñas nos anos 60 do século XX, onde levou unha vida de anacoreta en plena conexión coa paisaxe e a natureza. A súa vivenda, situada sobre a costa, e a súa contorna foron o lugar no que Man foi construíndo o seu universo artístico valéndose dos recursos que a natureza lle forneceu e creando este xardín escultórico que hoxe forma parte do seu legado.  

Cando no ano 2002 o accidente do buque petroleiro Prestige cubriu de chapapote a Costa da Morte, a súa obra escultórica viuse tamén tinguida de negro. Poucos meses despois Man finaba na súa casa case que como a primeira vítima deste desastre natural.

PRAIA E ALDEA DE CANELIÑAS

En contraste coa urbana praia da Concha, a praia de Caneliñas é unha pequena cala nunha contorna salvaxe de gran beleza. A este abrigado lugar chegaban os barcos cargando enormes baleas para seren esnaquizadas e preparadas nunha factoría hoxe abandonada. Esta actividade tivo o seu momento de esplendor a mediados do século XX, cunha grande repercusión económica e social na rexión. Para ampliar información ao respecto, recomendámosvos ver o documental A Costa das Baleas, onde algunha xente que viviu aquela época conta os detalles en primeira persoa.

PRAIA DA CONCHA

É a praia urbana de Cee, formada tras a grande ampliación do ensanche que lle gañou terra ao mar no século XX. O seu nome deriva da curiosa forma en semicírculo do areal, que forma, xunto co seu paseo e parque, un completo espazo de recreo para os veciños da vila dende onde gozar dunha fermosa panorámica da histórica Corcubión.

VILA DE CORCUBIÓN

Declarada Conxunto Histórico Artístico en 1984 e Municipio Turístico Galego no ano 2000, a vila de Corcubión ten carácter mariñeiro e, á vez, burgués. Mariñeiro, polo seu porto salpicado de pequenas embarcacións tradicionais e aparellos envoltos na rutina diaria do traballo no mar. Burgués, pola gran mostra de casas brasonadas e pazos, entre os que destacan a Casa de Castrexe, o Pazo de los Dios y Pose ou o Pazo dos Condes de Altamira, antigos señores destas terras. Chama a atención a Capela do Pilar, hoxe elemento dinamizador da vida cultural de Corcubión onde os veciños organizan diversas actividades. Para lle tirar o máximo partido á visita, é recomendable pasar pola súa oficina de turismo, localizada no antigo cárcere, que estivo en uso ata o século XX.

FARO DE CABO CEE

O faro de cabo Cee, datado en 1860, protexe coa súa luz a entrada da ría de Corcubión dende A Laxe de Fóra. Pola súa situación, constitúe un miradoiro único dende onde enxergar o Castelo do Príncipe e o antigo porto baleeiro de Caneliñas, en Cee, o monte Pindo e as illas Lobeiras, en Carnota, e, por último, a praia de Langosteira e o cabo Fisterra. Durante os equinoccios podemos seguir o percorrido do Sol ao longo do día sobre a ría de Corcubión, contemplando amenceres tras o Pindo e impresionantes atardeceres sobre o cabo Fisterra.

REFUXIO DE VERDES

Este espazo natural, que percorre 500 metros do río Anllóns por ambas as marxes, é unha mostra magnífica de patrimonio natural e etnográfico. Dende o muíño de Pose ata o muíño das Sangueiroas,  outros 13 muíños de auga serviron aos veciños das parroquias de Verdes e Cereo para a moenda de trigo e millo, o que nos fala da importancia agrícola destas terras. O percorrido ofrece pontes e áreas recreativas nas que folgar a gusto en conexión plena coa natureza e a luz do Sol que se filtra entre as árbores sobre a auga do río.

ALDEA DE OLVEIROA

Esta pequena aldea, situada no trazado do Camiño de Santiago ao seu paso por Dumbría, é unha boa mostra de arquitectura popular, da cal destacan os seus hórreos de pedra. Estes funcionan como almacéns onde gardar os produtos do traballo no campo, especialmente o millo. Os campesiños medían o tempo observando o movemento dos astros no ceo, que lles indicaba non só o inicio e a fin da xornada laboral, senón tamén os ciclos de sementa e colleita dos cultivos. Camiñar entre canastros fainos reflexionar sobre o tradicional modo de vida agrario.

PEDRA DO BRAZAL

A riqueza xeolóxica de Costa da Morte, xunto coa forza da auga e o vento que abanea a paisaxe, sorpréndenos creando formas pétreas imposibles que en ocasións parecen desafiar as leis da física. Este é o caso da Pedra do Brazal, un gran penedo que se sostén sobre un estreito punto de apoio nun equilibrio imposible. Os peregrinos que percorren Dumbría á procura dese solpor mítico en Fisterra pasan preto deste monumento natural situado baixo o monte Castelo a 339 metros de altitude.

MUSEO MAN

Este espazo museístico foi construído no 2015 para protexer, conservar e difundir o legado artístico e persoal de Manfred Gnädinger, coñecido popularmente como Man, «o alemán de Camelle».

Na exposición móstranse toda unha serie de obras feitas a partir dos obxectos traídos polo mar ás costas de Camelle, as denominadas «crebas», que Man amecía, deformaba e pintaba para as súas creacións. O discurso expositivo complétase con fotografías, debuxos de visitantes e documentos con aforismos e reflexións do propio artista.

O coñecemento da vida e obra de Man complétase coa visita ao xardín museo e a outros lugares de Camelle que conservan algúns dos seus traballos.

AROU

Arou é un pequeno porto mariñeiro afastado do barullo das zonas turísticas e que ten unha das praias máis fermosas de toda a Costa da Morte. Un areal con forma de media lúa, area branca e augas mansas adecuadas para o baño. Pódese chegar a Arou e á súa praia dando un agradable paseo a través dun camiño empedrado que conecta este lugar co xardín escultórico de Man en Camelle.

PRAIA DO ÉZARO

A singular desembocadura do río Xallas ao seu paso pola localidade do Ézaro forma unha fermosa enseada ao abrigo do monte Pindo. A súa praia de fina area esténdese por uns dous quilómetros de lonxitude debuxando unha media lúa e compoñendo unha paisaxe idílica realzada polo brillo do Sol no seu percorrido cara ao ocaso.

PRAIA DE CARNOTA

Con más de 7 quilómetros de lonxitude. a praia de Carnota está considerada como a máis longa de Galicia. É un areal de gran beleza ao pé do océano que, durante algunhas noites, dende finais de primavera ata finais de verán, convértese no sitio ideal para contemplar o «mar de ardora», un fenómeno natural que tingue a auga de cor azul fluorescente. A praia remata en Caldebarcos, coas súas dunas e marismas acompañadas por un lago interior. Un espazo que serve como abeiro de numerosas aves migratorias e flora endémica.

NOMBRE

Información

MIRADOIRO DE VILELA

A mellor panorámica do litoral de Carballo atopámola neste punto da estrada que une Carballo con Caión. Dende aquí temos unha visión privilexiada de todo o Espazo Natural Razo-Baldaio e do monte Neme, unha antiga mina de volframio que durante a II Guerra Mundial foi utilizada para fornecer deste metal a industria armamentística alemá. Na actualidade, o paso do tempo e a falta de actividade deron lugar a unha paisaxe que merece a pena visitar.

Este miradoiro dispón dunha mesa panorámica e interactiva coa que os visitantes poderán coñecer todos os recursos naturais e patrimoniais da costa. 

ESPAZO NATURAL RAZO-BALDAIO

O Espazo Natural Razo-Baldaio é o lugar máis destacado do litoral do municipio de Carballo, composto polo longo areal e as dunas de Razo, ademais da lagoa e as marismas de Baldaio. É un espazo de gran valor ecolóxico, un dos máis fermosos e importantes de Galicia; foi incluído na Rede Natura e declarado Zona de Especial Protección para as Aves. A diversidade da flora e fauna presente neste espazo natural provén da variedade de ecosistemas que conflúen nel: marisma, lagoa, areal e cantís.

A praia de Razo ten, pola súa banda, un extraordinario valor, pois é unha praia fósil formada no período cuaternario, orixe dun dos fenómenos xeolóxicos máis importantes de Galicia: a Depresión Meridiana, que a percorre de norte a sur.

FARO LARIÑO

O faro de Lariño sitúase en Punta Insua, bastión de entrada da ría de Corcubión. A súa construción remóntase ás primeiras décadas do século XX; na actualidade funciona como hotel. Dende aquí pódense contemplar postas de sol impresionantes sobre a praia de Lariño.

FUNDACIÓN EDUARDO PONDAL

En Ponteceso naceu o bardo das letras galegas, Eduardo Pondal, creador do himno e defensor do legado celta de Galicia. Pondal escribiu con grande emoción sobre o Sol lendario da Costa da Morte   e fixo dos topónimos da comarca auténticos guerreiros celtas. Para coñecer todo o seu legado e participar na variada programación cultural de Ponteceso, é recomendable visitar a Fundación Eduardo Pondal.

MONTE PINDO

O monte Pindo é un impresionante e extenso macizo granítico que culmina a 642 metros no alto da Moa. Alberga unha riqueza xeolóxica, ecolóxica, cultural e histórica sen comparanza. O macizo acolle, entre outras especies, unha poboación única de carballo anano (quercus lusitanica).

Ao longo da historia, aqueles que poboaron as súas terras quixeron ver nas curiosas formas dos seus penedos a viva imaxe de animais e criaturas fantásticas, membros dun universo mitolóxico que culmina coa denominación de Olimpo Celta. Disque neste mola descansan os restos da Raíña Lupa e tamén o seu tesouro, protexidos polos xigantes pétreos das ladeiras das montañas, onde mesmo se atopan covas de meigas. 

A MOA

A tradición popular di que dende A Moa, no cumio do monte Pindo, nos días limpos e despexados é posible ver as torres da Catedral de Santiago. O que si é certo é que dende A Moa, situada a máis de 600 m de altura, pódense contemplar a enseada do Ézaro, a praia de Carnota e Fisterra namentres se goza do último atardecer da Europa continental.

ARQUIVO DA PESCA

O Arquivo da Pesca de Caión é un museo etnográfico, promovido pola confraría de pescadores desta vila, que forma parte da Rede de Espazos  Museísticos Atlánticos (REMA). A planta baixa do edificio da confraría acolle este espazo expositivo que, co seu discurso narrativo, nos leva a facer un percorrido pola historia mariñeira e a tradición pesqueira da localidade de Caión.

MONTE BRANCO E ENSEADA DE TRECE

A enseada de Trece é un dos lugares máis salvaxes e virxes de toda a Costa da Morte, testemuña de innumerables naufraxios e tráxicos episodios marítimos. De entre os recursos naturais existentes na zona destaca a duna rampante máis alta da Península Ibérica, que está situada na zona leste da enseada sobre as ladeiras do monte Branco. Esta duna conserva a maior colonia de caramiñas  (corema album) do noroeste peninsular, un arbusto que se atopa actualmente en perigo de extinción e que é a orixe do topónimo da vila e do Concello. A floración da camariña ten lugar dende finais de marzo a finais de abril, coincidindo co último atardecer da Europa continental que nesas datas se pode contemplar na Costa da Morte, un momento ideal para visitar o lugar. 

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DOS MUÍÑOS DE AUGA DA COSTA DA MORTE

Este centro de interpretación, situado na Casa Reitoral de Golmar, ofrécenos unha completa información acerca dos muíños de auga. A través dos paneis informativos, fotografías, documentos e pezas expostas poderemos saber máis sobre as distintas tipoloxías de muíños existentes e o seu funcionamento ou sobre a importancia social e etnográfica que tiveron estas construcións en toda Galicia e, particularmente, na Costa da Morte.   

CASTRO DE BORNEIRO

Tamén coñecido como A Cibdá, o Castro de Borneiro é un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes da cultura castrexa. O recinto segue os tradicionais esquemas de localización destes asentamentos: unha situación estratéxica e elevada, un perímetro fortificado que permita a súa defensa e a proximidade ao leito dun río.

No castro pódese distinguir, na parte superior, o recinto principal ou croa, onde se atopan as construcións domésticas, a maioría de forma circular e cuns cinco metros de diámetro, e o antecastro, barrio extra muros onde se sitúa un espazo dedicado a balneario con fins rituais.

O recinto estivo habitado entre os séculos VI a. C. e o I d. C. e non existen signos de que fose romanizado. En Borneiro puideron chegar a vivir entre 300 e 400 persoas, que se dedicaban principalmente á agricultura, a gandería e, posiblemente, á metalurxia.

DOLMEN DE DOMBATE

Considerado como a catedral do megalitismo galego, Dombate é o dolmen de corredor mellor conservado de toda Galicia. A edificación consta de dous túmulos superpostos cunhas dimensións que alcanzan os 25 m de diámetro e 1,80 m de altura. Esta construción funeraria data do período Neolítico, hai aproximadamente 6000 anos. Ademais do propio valor do dolmen, as diferentes campañas arqueolóxicas sacaron á luz diversas pinturas e gravados realizados no monumento.

A entrada ao corredor está orientada cara ao orto, algo común noutros monumentos megalíticos galegos. Durante o solsticio de inverno os primeiros raios de Sol alagan o corredor do túmulo, bañando de luz todo o espazo central.

No ano 2011 inaugurouse o Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, un espazo arquitectónico que actúa como elemento de protección e conservación deste Ben de Interese Cultural, así como de centro de interpretación e recepción de visitantes. 

CAMARIÑAS

Camariñas é unha das vilas mariñeiras con máis encanto da Costa da Morte e o seu porto un dos máis importantes da costa.. Pasear polas súas rúas convida ao descanso e ao relax, sobre todo se se fai nos momentos en que as palilleiras saen á rúa a facer os seus traballos de encaixe. Porque, se por algo é coñecida Camariñas, é por esta artesanía, posiblemente vinculada cos encaixes existentes en Flandres. Esta tradición transmitiuse de xeración en xeración da man das mulleres desta comarca e, a día de hoxe, é un dos máis importantes recursos da zona. Existe un Museo do Encaixe dedicado a esta artesanía, e nas datas de Semana Santa celébrase a Mostra do Encaixe de Camariñas, onde se aplica esta tradición á moda máis rompedora.  

ERMIDA DA VIRXE DO MONTE

No alto do monte Farelo sitúase este santuario de advocación mariana que popularmente din que é o irmán pequeno do santuario da Virxe da Barca en Muxía. A construción actual data do século XVIII e aséntase sobre as ruínas da antiga capela de orixe medieval. A situación da ermida no cume deste promontorio ofrécenos unhas espectaculares vistas de toda a paisaxe da costa de Camariñas. É un lugar dunha gran devoción mariana, onde cada luns de Pascua se celebra a romaría en honra á Virxe do Monte cunha procesión que leva a imaxe da Virxe dende Camariñas ata a ermida. Dende hai uns anos celébrase neste lugar unha festa para lle dar a benvida ao verán na noite do solsticio

CABO E FARO VILÁN

O macizo rochoso de cabo Vilán está catalogado como Sitio Natural de Interese Nacional, e non é de estrañar, xa que, entre outras cousas, é lugar onde abeiran numerosas aves mariñas; entre elas, a gaivota tridáctila ou garrucho, que só aniña nas Illas Sisargas e no cabo Vilán. Entre marzo e abril, o lugar tínguese do branco da camariña (corema album) en flor.

Na punta do cabo construíuse en 1896 o actual faro, unha edificación impulsada a raíz do naufraxio do buque Serpent e que foi o primeiro faro electrificado de España. Dende este edificio, hoxe convertido en Centro de Interpretación dos Naufraxios, Faros e Sinais Marítimos, teremos unhas vistas privilexiadas para observar o Sol achegándose ao horizonte oceánico. 

CEMITERIO DOS INGLESES

En 1890, o buque acoirazado británico HMS Serpent naufragou fronte ás costas de Camariñas deixando para a historia un dos naufraxios máis coñecidos de todos os acontecidos na Costa da Morte. Neste suceso, no que só houbo tres sobreviventes, 172 membros da tripulación perderon a vida. Días máis tarde, e grazas ao labor e empeño dos veciños, os corpos dos falecidos foron enterrados nun cemiterio construído expresamente para lles dar sepultura aos mariñeiros británicos, fronte á costa onde sucederon os feitos. O camposanto ten unha estrutura dobre concéntrica; os oficiais están enterrados na parte interior e os mariñeiros na exterior. A día de hoxe este cemiterio forma parte da Ruta Europea dos Cemiterios Singulares, un itinerario cultural europeo declarado polo Consello de Europa. Por mor deste tráxico evento construíuse o faro de cabo Vilán, ao que se pode chegar a través dunha impresionante ruta ao longo da fachada costeira.  

CEMITERIO DE CORES

Para a corrente artística do neoplasticismo, a arte forma parte da vida, polo que é escusado imitar a paisaxe; abonda con unir liña e cor nun mesmo espazo, tal e como sucede no Cemiterio de Cores, en Dumbría, proxectado pola arquitecta Rosana Pichel. Os amantes da arquitectura contemporánea gozarán visitando esta obra, que racha coa tipoloxía tradicional de cemiterio e convérteo nun espazo amable, no cal a luz do sol fai vibrar a cor dos paneis cadrados en homenaxe a Piet Mondrian.

MIRADOIRO DO ÉZARO

O miradoiro do Ézaro atópase no alto de Cruz de Pao, a 243 m de altitude, cunha vista privilexiada sobre a enseada da desembocadura do Xallas, o monte Pindo, as illas Lobeiras e o cabo Fisterra.

Este lugar forma parte da historia do ciclismo nacional e internacional. No ano 2012 o miradoiro acolleu a meta da décimo segunda etapa da Volta Ciclista a España, da que resultou vencedor Joaquim Rodriguez «Purito». Dende aquela, este punto converteuse nun referente deste deporte e son moitos os afeccionados que se aventuran a superar o 30 % de desnivel que une a enseada co miradoiro. De tal xeito que actualmente se celebra unha gran proba anual: o Gran Fondo Ézaro.

CASTELO DE SAN CARLOS

O Castelo de San Carlos atópase afincado sobre un manto rochoso flanqueando un extremo de Fisterra. Foi construído no século XVIII para defender a ría de Corcubión e na actualidade alberga o Museo do Mar. No seu interior poderás empaparte da cultura mariñeira. Sabías que na Costa da Morte a expresión mariñeira «a raxor» significa «ao amencer»? Ademais, o seu recinto, constitúe un dos miradoiros emblemáticos da vila, dende o cal terás unha vista privilexiada sobre a ría.

FARO DE FISTERRA

Construído en 1853, o faro de Fisterra é o marco perfecto para contemplar unha emocionante posta de Sol. Unha atardecida conmovedora, cargada de simbolismo e contido, que congrega ducias de persoas ao mesmo tempo. É a meta de moitos dos peregrinos que chegan á Costa da Morte. Aos pés do faro podemos apreciar a imaxe sobrecolledora do mar infindo. Ese Mare Tenebrosum, que diría Decimo Xuño Bruto Galaico; o mesmo mar bravo que deixou varios naufraxios na historia da Costa da Morte.

CASOTA DE BERDOIAS

É un privilexio poder contemplar un monumento megalítico tan senlleiro como a Casota de Berdoias. Senlleiro por varias razóns: pola súa planta rectangular e polos diferentes petróglifos que levaron a investigadores, como Emilio Fonseca Moretón, a ver no seu interior un calendario estelar. Nel representaríase o ceo de medianoite do equinoccio de outono no momento da súa construción. Lembremos que o equinoccio de outono marca un momento clave no cultivo e colleita de produtos agrícolas. Na laxe norte, ademais, podemos ver unha cazoleta orientada cara ao leste, máis fonda e grande que as demais, que podería representar o Sol nacente. Por iso, durante o amencer do solsticio de inverno, o Sol alumea o interior da parede oeste iluminando ao través esta cazoleta.

CASTRO DAS BARREIRAS

Ao contrario do que adoitamos ver neste tipo de construcións, As Barreiras non se sitúa nunha zona alta e de difícil acceso, senón en pleno val, co obxectivo de aproveitar as zonas de cultivo e dominar o territorio. A monumentalidade das súas murallas dá conta da importancia que tivo o asentamento, situado na última Idade do Ferro e habitado tamén durante o período galaico-romano. As sucesivas campañas arqueolóxicas sacaron á luz diferentes construcións, lareiras, gran material cerámico e varias sorpresas. Entre elas, o achado dun betilo, un ídolo frecuente na cultura fenicia.

ARCA DA PIOSA

O escritor Eduardo Pondal situaba no dolmen de Arca da Piosa a tumba do seu lendario guerreiro celta Brandomil, protagonista de parte da súa obra. Recólleo así no poema titulado «Á hora en que o doce luceiro». Este é un dos dolmens máis importantes da Costa da Morte, e o corredor principal atópase orientado cara ao nacemento do Sol.

TORRES DO ALLO

Datado no século XV, considérase un dos pazos máis antigos de Galicia. A quinta comprende a monumental casa señorial dos Riobóo, que conta cun rico conxunto etnográfico composto por hórreos, pombal, fontes e mesmo un pequeno palco de música. Para chegar ao pazo atravesaremos un fascinante túnel arborado, plantado polo ilustre biólogo Víctor Seoane. No seu interior encóntrase unha exposición sobre a Galicia rural dos últimos séculos. É especialmente interesante a mostra de vestimentas elaboradas a base de liño, un tecido producido e traballado con gran tradición en Galicia, e especialmente por asociacións locais. No proceso artesanal de preparado do liño, o Sol cumpría unha función esencial.

MUÍÑOS DO RABIÑOSO

No interior de Zas, camiñando entre salgueiros brancos e amieiros, ás beiras dun río que en varios puntos cae en fervenza, atopámonos cun marabilloso conxunto de muíños de auga nos que paga a pena demorarse. Os muíños do Rabiñoso forman parte da Ruta da auga de Zas.

O CENTULO DE FISTERRA

A Costa da Morte está salpicada de illotes icónicos, bastións dos cabos e enseadas. O Centulo (demoño) é un penedo que sobresae no medio do mar, a 700 metros do cabo Fisterra e a 25 metros sobre o nivel do mar. O Centulo é testemuña cada día dos solpores máis espectaculares, mais tamén foi, ao longo da historia, localización de diversos naufraxios, como o dos buques Captain, Blas de Lezo ou Bitten.

SAN VICENZO DE DUIO

Esta igrexa parroquial atópase en Duio, aos pés dun castro, nun enclave moi vinculado á historia do Camiño de Santiago. Pisamos terra da mítica Dugium onde, segundo conta a lenda xacobea, a Raíña Lupa pediulle ao rei desta cidade que sepultase nas súas terras o apóstolo Santiago. Mais el négase, polo que recibirá un castigo divino: a cidade acaba desaparecendo asolagada polo océano.

MONTE FACHO E CABO FISTERRA

O historiador romano Lucio Anneo Floro conta que o xeneral Decimo Xuño Bruto Galaico, tras conquistar Gallaecia, chegou ao que no Imperio consideraban como o final do mundo coñecido (Finis Terrae) para ver o Sol afundirse no Mare Tenebrosum. Estaba, de certo, no Promontorium Nerium; é dicir, no cabo Fisterra. Esta escena pon de manifesto a importancia dos atardeceres nesta paisaxe salpicada de mitos e crenzas arredor do culto ao Sol. Lembremos que no alto do cabo, no monte Facho, atópase a Ermida de San Guillerme, localización posible da Ara Solis; pero tamén as Pedras Santas, dúas grandes pedras redondas ás que se lles atribúen poderes máxicos. Entre o monte do Facho e o faro de Fisterra a vista que podemos apreciar é marabillosa, xa que alcanzamos a albiscar a ría de Corcubión, o monte Pindo, a punta do cabo e o illote do Centolo.

DOLMEN DE REGOELLE

El dolmen de Regoelle o también llamado Pedra da Arca tiene su origen probablemente en el tercer milenio a.C. Llama la atención sus losas colosales y el buen estado de conservación del túmulo, en cuyo interior aún podemos percibir grabados y pinturas rojas prehistóricas. En las proximidades se encontraba un castro que lleva el mismo nombre. En Vimianzo encontramos un buen número de dólmenes que podemos visitar a través de una ruta.

VELADOIRO E CABO DA NAVE

Despois de cabo Touriñán, cabo da Nave é o segundo punto máis occidental da Costa da Morte. Convértese así nun punto referente na procura do último atardecer da Europa continental. Fronte á punta do cabo podemos ver o illote do Berrón da Nave, de impresionantes cantís.

Dende o alto do cabo, no miradoiro do monte Veladoiro, a panorámica que se pode observar do océano, co cabo Fisterra á súa esquerda, é unha auténtica postal.

PRAIA DO ROSTRO

Esta praia, de area fina, ofrece silencio e acougo. Está aberta ao océano e, polo tanto, as súas augas son perigosas. Dar un paseo por este inmenso areal salvaxe ao abrigo do Sol é un plan perfecto para conectar coa natureza e a esencia da Costa da Morte.

PRAIA DE MAR DE FÓRA

Situada entre cabo da Nave e Fisterra, a praia de Mar de Fóra ábrese ao océano acollendo un fermoso espectáculo na posta do Sol. A pesar de estar próxima á vila, a súa paisaxe é plenamente salvaxe e está incluída dentro da Rede Natura. Ao final da praia existe un miradoiro moi atractivo dende o cal contemplar unha panorámica do areal.

PRAIA DA LANGOSTEIRA

George Borrow, peregrino británico do século XIX, escribiu sobre o seu paso por esta praia. Describiuna como unha «praia de escintilante area branca», onde «o Sol brillaba con forza e os seus raios alumeaban todas as cousas». Este areal de case dous quilómetros de lonxitude acolle os baños rituais dos peregrinos nas augas da fin do mundo.

ERMIDA DE SAN GUILLERME

No alto do monte Facho, cara ao cumio do cabo Fisterra, atópanse os restos dunha ermida derruída no século XVIII. A súa entrada está orientada cara á saída do Sol nos equinoccios, en diálogo constante co monte Pindo. Arredor da ermida existe un mundo de mitos, lendas e rituais pagáns. Non en balde, nas súas proximidades estaría situada a Ara Solis. No interior das ruínas da ermida atópase unha gran laxe, chamada popularmente a «cama do santo», onde xacían as parellas estériles á procura da fertilidade.

Estes restos están moi relacionados coa tradición xacobea, dado que a súa orixe estea posiblemente vencellada a un peregrino chamado Guillerme, duque de Aquitania, quen disque peregrinou a este lugar para pasar os seus últimos anos de vida.

SANTA MARÍA DAS AREAS

Este templo de orixe románica é lugar de devoción dos milleiros de peregrinos que chegan a Fisterra. A súa localización marca o ascenso ao cabo e é parada obrigatoria para todos os visitantes. No seu interior réndeselles culto a Santa María das Areas e ao Cristo de Fisterra, arredor do cal existen numerosas lendas recollidas por peregrinos dende o século XV. Unha delas conta que hai moito tempo, durante unha treboada, un barco que tiña serios problemas para saír da enseada decidiu tirar pola borda unha gran caixa que, ao parecer, era o motivo dos seus males. Cando a caixa chegou á costa, descubriron dentro a imaxe do Cristo, que decidira deste xeito quedar nesta terra e non continuar a travesía polo océano.

FISTERRA

Fisterra é unha vila mariñeira e turística a partes iguais. A vida xira arredor do porto pesqueiro, da súa fantástica lonxa e dos numerosos bares de tapas, restaurantes e cafeterías que poboan as súas ruelas. Nelas podes atopar os mellores manxares da cociña local, con vistas á ría de Corcubión e ao monte Pindo. No corazón da vila sitúanse a praza e a rúa Ara Solis, en referencia ao lendario altar de orixe fenicia que disque existiu no cabo Fisterra.

BATÁNS E MUÍÑOS DE MOSQUETÍN

É un conxunto etnográfico de gran valor composto por dous edificios. Un deles aloxa muíños e está sobre o río, e o outro acolle muíños e batáns. É recomendable a visita para coñecer o interesante traballo nos muíños e, especialmente, nos batáns; estes foron dos últimos en seren abandonados en Galicia e dos poucos que aínda se poden ver en funcionamento.

Os batáns aproveitan a enerxía hidráulica para bater nas mantas de la co fin de facelas máis compactas e, daquela, máis resistentes.

CASTELO DE VIMIANZO

O Castelo de Vimianzo, que se remonta orixinalmente ao século XIII, é na actualidade unha das visitas turísticas obrigadas na Costa da Morte. Dende a súa construción foi residencia de nobres e arcebispos, centro de poder e xustiza e mesmo casa de vacacións romántica. Viviu loitas entre nobreza e clero, revoltas irmandiñas e, no inicio da Guerra Civil, foi emblema da resistencia republicana. Na actualidade pódese visitar de forma particular ou en visitas guiadas, e no seu interior acolle unha interesante mostra de artesanía en vivo.

FERVENZA DO ÉZARO

O Xallas é un dos poucos ríos europeos que desembocan en forma de cadoiro no mar. Neste caso, no océano Atlántico, entre as poboacións do Pindo (Carnota) e O Ézaro (Dumbría). As súas augas precipítanse dende unha altura de 80 metros acariñando o avermellado granito do monte Pindo, que empece unha desembocadura máis tranquila.

Malia que, durante o pasado século, o curso do río foi intervido por diferentes encoros e aproveitouse a forza da fervenza para a produción eléctrica, na actualidade respéctase a caída natural da auga, especialmente torrencial durante os meses de inverno.

MIRADOIRO DE SANTO HADRIÁN

Imaxinas ver o Sol amencer e atardecer sobre o mar dende o mesmo punto na mesma xornada? Non o imaxines; experiméntao dende o miradoiro de Santo Hadrián en Malpica entre o 22 de maio e o 21 de xullo. Entre estas datas o Sol sae cara ao leste en dirección ao cabo Prior e morre cara ao oeste en dirección a Punta Nariga, debido ao movemento aparente do Sol respecto da Terra e á distancia co horizonte tendo en conta a altitude do punto de observación. Por outra banda, dende o miradoiro de Punta Nariga tes unhas fantásticas vistas ás illas Sisargas, lar de numerosas aves mariñas.

FARO DE LAXE

As vistas que se poden observar dende o faro de Laxe abranguen dende o faro Roncudo ata A Punta do Boi, en Camariñas. Nos arredores do faro, a escultura A Espera, proxectada por Iria Rodríguez, érguese no alto da Punta Insua en homenaxe ás familias dos mariñeiros que finaron no mar. Próximo á escultura temos un lugar de merendas perfecto para gozar dun alto no camiño coas mellores vistas.

PENEDOS DE PASARELA E TRABA

Declarado Paisaxe Protexida, este macizo, de grande interese xeolóxica, sitúase entre os municipios de Laxe e Vimianzo. Pasear entre as súas grandes rochas condúcenos a un universo onírico de pedras erosionadas, en equilibrios imposibles, con aparencias zoomorfas e antropomorfas que compoñen unha paisaxe máxica. É recomendable realizar a ruta de sendeirismo que nos sinaliza os grandes penedos que atoparemos entre os picoutos de Torre da Moa, Galla da Pena Forcada e A Cachucha.

PRAIA DOS CRISTAIS

Os residuos de cristal e vidro tirados neste lugar ao longo dos anos regresaron á costa erosionados pola acción do mar, dando lugar a unha praia de cores escintilantes á luz do sol. Unha imaxe pintoresca que se repite en distintos areais de todo o mundo, pero que é especialmente fermosa dende este punto, na enseada Baleeira á tardiña.

PETRÓGLIFO PEDRA XESTOSA

Esta estación de arte rupestre sitúase nos lindes entre Vimianzo e Laxe. É un conxunto extraordinario, pois foi o primeiro na Costa da Morte onde se atoparon gravados cunha escena de caza. No panel vertical pódense ver diferentes animais, interpretados como cervos, perseguidos por humanos e cans. No abrigo, o xacemento complétase cunha gran combinación circular. O mellor momento para observar os petróglifos é ao morrer do día.

FARO PUNTA NARIGA

O marabilloso perfil do faro de Punta Nariga, recortado sobre o ceo do atardecer na fachada occidental de Malpica, é unha imaxe para a lembranza. O edificio foi proxectado polo arquitecto galego César Portela, quen soubo integrar o faro perfectamente na natureza, tanto polos materiais empregados como polas formas. Simula a proa dun barco rachando as ondas, cun fermoso mascarón en bronce orientado cara ao océano.

PEDRA DA ARCA

O dolmen de Pedra da Arca, tamén chamado Casa dos Mouros, ten a súa orixe no cuarto ou terceiro milenio a. C. Chaman a atención as súas laxas colosais e o seu bo estado de conservación. No seu interior aínda podemos percibir gravados e pinturas vermellas do Neolítico. En Vimianzo atopamos un gran número de dolmens que se poden visitar seguindo unha ruta sinalizada.

ECOMUSEO FORNO DO FORTE

Na localidade de Buño (Malpica) perdura unha artesanía de gran tradición e relevancia económica para o lugar: a cerámica. Na actualidade a actividade mantense grazas ao labor de máis de 20 talleres oleiros. O ecomuseo Forno do Forte constitúe un magnífico conxunto etnográfico no que se recrea a vida dunha familia de artesáns a mediados do século XX. A vivenda, o obradoiro, o forno, o almacén e o hórreo son os espazos que podes visitar para coñeceres de cerca a súa forma de vida e de produción da cerámica. Ademais, cada ano celébrase nesta localidade unha mostra de olería onde poderás descubrir o traballo dos artesáns e tamén experimentar coas túas propias mans o traballo co barro no torno.

MIRADOIRO DE MONTE ARO

A 550 metros de altura, a cima do monte Aro é un bo miradoiro sobre a comarca do Xallas, no traxecto do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía. Dende el divísase o val do río Xallas, que detén as súas augas no gran lago formado polo encoro da Fervenza. Esta zona húmida é moi interesante para os afeccionados á ornitoloxía, pois é un destacado lugar de descanso de aves migratorias.

FARO DO RONCUDO

O litoral da Costa da Morte atópase salpicado de puntas salvaxes onde os faros protexen os barcos que se achegan perigosamente aos seus cantís. O forte e violento bramido do mar inspirou o seu nome, Roncudo: o mar rouco que arrepía a quen o escoita. Esta zona ten presenciado numerosos naufraxios que lles deron nome aos cons. Así, por exemplo, o Petón do millo recibe este nome porque foi aí onde naufragou un barco cargado con millo.

Esas mesmas penas son, precisamente, o caladoiro dun dos manxares da Costa da Morte: o prezado percebe do Roncudo. Os percebeiros e percebeiras que o capturan arriscan cada día a vida entre golpes de mar e vento. En homenaxe ás persoas desaparecidas neste heroico traballo, hoxe contemplamos diferentes cruces sobre o cantil que xa se converteron en iconas desta salvaxe paisaxe á atardecida.

DOLMEN DA MINA DA PARXUBEIRA

O Dolmen da Mina da Parxubeira, datado entre o IV e III milenio a. C., atópase na parroquia de San   Fins de Eirón arrodeado de verdes praderías, unha imaxe evocadora do carácter agrogandeiro da localidade de Mazaricos. O corredor do dolmen, igual que a maioría dos que nos atopamos na Costa da Morte, está orientado cara ao leste e no seu interior acháronse durante as escavacións importantes restos arqueolóxicos, como follas de sílex, amuletos ou cerámica campaniforme. Ademais, no exterior atopáronse 4 estelas antropomorfas aliñadas, pechando o que se consideraba a área sacra deste monumento do Neolítico.

CABO TOURIÑÁN

O cabo Touriñán é o punto máis occidental da España peninsular. Sabías que dende o extremo do cabo nos separan de Nova York 5.200 km de océano? Dende aquí contémplanse postas de Sol infinitas, estremecedoras, as últimas de toda Europa continental durante dous meses ao ano. A panorámica oceánica dende este miradoiro natural é tan vasta que a vista se perde no horizonte fundíndose o mar co ceo.

SAN XIAO DE MORAIME

Asentado nas inmediacións dunha vila e necrópole romana, as orixes do mosteiro de San Xiao de Moraime remóntanse ao século XII, en pleno apoxeo da orde beneditina. Ata o século XV, Moraime chegou a ser un centro relixioso de primeira categoría na Costa da Morte, fundamental para comprender a peregrinación xacobea a Muxía. Nas súas portadas románicas podemos atopar as escenas bíblicas da Última Cea e o Xuízo Final. No seu interior, destacan unhas fermosas pinturas do século XVI coa representación dos diferentes pecados capitais.

MONUMENTO A FERIDA

Alberto Buñuelos-Fournier é o escultor do monumento A Ferida, que se ergue na contorna do santuario de Nosa Señora da Barca, en recordo do desastre ecolóxico tras o afundimento do petroleiro Prestige no 2002 fronte a esta costa. É un gran monólito de 400 toneladas cunha apertura no centro a modo de fenda a través da cal o Sol se filtra á tardiña brillando con forza. É recomendable visitar o Museo do Voluntariado para entender mellor o que supuxo a catástrofe para Muxía e toda a Costa da Morte, mais sobre todo para recoñecer a importancia dos voluntarios que uniron os seus esforzos para salvar a costa.

SANTUARIO VIRXE DA BARCA

A lenda di que a Virxe chegou nunha barca de pedra a este lugar da costa de Muxía para lle dar azos ao apóstolo Santiago na evanxelización de Galicia. Os supostos restos da barca atópanse espallados nos arredores do santuario e son meta de peregrinación para aproveitar as propiedades curativas e adivinatorias destas rochas. As pedras «de abalar», «dos cadrís» e a «do timón» serían,  respectivamente, a barca, a vela e o leme. A aparición de santos en barcas de pedra é unha tradición que se repite noutros lugares de Galicia e noutras culturas atlánticas. Sentar neste lugar de peregrinación milenario para ver morrer o Sol no Atlántico é unha experiencia única.

SECADOIRO DE CONGROS

Que teñen en común Muxía e o municipio aragonés de Calatayud? O congro seco. Na Idade Media, Muxía importaba cabos e cordas para os barcos traídos polos bilbilitanos. Como pago, estes levaban canda eles pezas de congro dos secadoiros dos Cascóns e As Pedriñas. Os últimos lugares onde se realizou este labor artesanal en Galicia atópanse en Muxía. O vento que azouta a súa costa e a luz do sol encárganse de completar o proceso de secado. Se queres degustar este manxar, cada Semana Santa organízase unha Festa do Congro na que os restaurantes da vila ofrecen distintas elaboracións deste peixe.

MUXÍA

Situada nunha península ao abeiro do monte do Corpiño, esta vila mariñeira é o sitio perfecto para degustar a súa gastronomía tradicional elaborada con produtos do mar. O polbo ou a empanada de congro son algúns dos pratos protagonistas. Detrás da fachada marítima, pódese pasear polas súas ruelas históricas con interesantes mostras de arquitectura tradicional mariñeira. No porto, uns grandes murais retratan a esencia mariñeira de Muxía e o duro traballo de pescadoras e mariscadoras.

PEDRA DA SERPE

A  Pedra da Serpe é un cruceiro singular, pois a cruz nace dunha rocha transformada en serpe alada. Aínda que a súa orixe non está clara, hai autores que a sitúan na época medieval. Neste lugar cóntase que hai moitos anos san Hadrián petou no chan co seu pé para liberar esta terra dunha poderosa praga de cóbregas. Unha lenda que recorda á de san Patricio, que liberou Irlanda de serpes.

NOMBRE

Información